15/2/10

Recollida de fotografías da Policía Local

FOTO MAGNO
 FOTO RAMIRO
O Arquivo Municipal da Imaxe está colaborando coa Policía Local do Porriño nunha recollida de fotografías e documentación sobre a historia deste colectivo, que conta xa con máis de 95 anos de antigüedade no noso municipio. Na recollida están participando axentes da Policía Local actual, gardas municipais xubilados e  familiares dos gardas falecidos. Ao mesmo tempo a Policía Local fai un chamamento a todos os familiares de antigos gardas municipais a que se poñan en contacto con eles para intentar elaborar un censo con todas as persoas que pertenceron a este corpo de seguridade municipal. As labouras de investigación non son doadas pola pouca documentación que se salvou do incendio do Arquivo Municipal no ano 1976, así que toda a documentación que poidan aportar os familiares de policías será moi útil para os traballos de investigación.  Co material recollido estúdase levar a cabo algún proxecto de difusión.


21/1/10

O Concello do Porriño recibe unha doazón con parte da obra do músico e compositor porriñés Bernardo Giráldez del Campo


Bernardo Giráldez Saborido, fillo do coñecido compositor porriñés Bernardo Giráldez del Campo, acaba de efectuar unha doazón ao Concello do Porriño con parte da obra musical do seu proxenitor. O alcalde do Porriño, Raúl Francés, e o cedente Bernardo Giráldez, asinaron o pasado martes 19 de xaneiro o convenio que formaliza este traspaso. O conxunto documental engloba partituras manuscritas de 14 obras musicais, partituras editadas de 4 obras, fotografías de diversas formacións das que foi compoñente, e outros documentos relacionados coa súa actividade profesional. Por vontade do cedente, este legado pasará a formar parte dos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe, que se fará cargo da súa custodia, dixitalización, descrición e difusión.
Raúl Francés destacou o interese público colectivo que ten este conxunto documental para O Porriño por tratarse dun fondo de gran valor patrimonial no eido da cultura e da música do noso Concello. Pola súa parte, Giráldez Saborido manifestou ver cumprido o seu desexo de que este fondo fora conservado no Porriño, o pobo do seu pai; un desexo que cree que el tamen compartiría.

Bernardo Giráldez del Campo naceu no Porriño no ano 1918. Pertence a unha saga de músicos emblemáticos na historia musical do noso concello, iniciada polo seu avó Marcelino Giráldez, director da Banda de Musica do Porriño entre 1894 e 1928, e continuada polos seus tíos e o seu pai Bernardo, saxofonista e percusionista en bandas de música e orquestras de jazz. Tivo unha dilatada carreira musical, sobresaíndo como virtuoso violinista. Formou parte da Sociedad Filarmónica de Vigo, da que chegou a ser o seu primeiro violín e , inclusive, concertista. Destacou tamén a súa actividade como compoñente de conxuntos de música lixeira e de jazz onde, ademais do violín, tocaba instrumentos como o saxofón ou o clarinete. Seguindo a influencia das grandes big band, formou en Vigo o célebre Cuarteto Veracruz, que gozou de moito éxito durante décadas. Nos anos 60 trasládase a Madrid onde exerce como profesor de orquestra na especialidade de violín. En Madrid forma parte de grandes bandas, realizando xiras internacionais a paises como Finlandia, Noruega, Alemaña, Irán ou os Estados Unidos. Nesta época chega a tocar con destacados músicos do momento como Pedro Iturralde ou Regolí, cos que gravou varios discos. Ademais da súa carreira como instrumentista, Bernardo ("Tito") Giráldez tamén dedicou parte do seu tempo á composición musical, chegando a crear para a difusión das súas composicións Ediciones Celta. En 1971 regresa á súa vila natal, onde falece o 4 de setembro de 1974.

13/1/10

A mostra sobre a Coral aberta ata o 29 de xaneiro

Todas as persoa que aínda non visitaron a mostra "Historia da Coral Polifónica do CRC" terán a oportunidade de facelo ata o día 29 de xaneiro. A exposición, organizada polo Concello do Porriño a través do Arquivo Municipal da Imaxe en colaboración co Círculo Recreativo Cultural, realiza un repaso aos 50 anos de historia da coral porriñesa e da figura do seu director, Antonio Paz Valverde, a través de varios paneis con textos, fotografías, partituras e documentos hemerográficos. A mostra compleméntase cunha peza audiovisual na que interveñes algunhas persoas vencelladas a historia desta agrupación, e con obxectos e vestimenta pertencente ás distintas etapas de vida da Coral.

Pódese visitar no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

30/11/09

Inaugurouse a exposición "Historia da Coral Polifónica do CRC"

Numeroso público asistiu o pasado venres 27 de novembro á inauguración da mostra retrospectiva sobre a Coral. No acto interviron a presidenta do C.R.C., Mª José Giráldez; o investigador, X. R. Paz Antón; o Alcalde en funcións, Pedro Pereira; e o que foi e segue a ser director da Coral desde a súa fundación, Antonio I. Paz Valverde, que agradeceu emocionado a celebración destes actos conmemorativos. A exposición permanecerá no salón de actos do Círculo recreativo Cultural até o 29 de decembro de 2009. Deixámosvos no blog algunhas fotos tomadas o día da inauguración.

13/11/09

O Arquivo da Imaxe prepara unha nova exposición con motivo do 50 Aniversario da Coral


FOTO: Coral Polifónica do CRC cara 1969. Autor s/i (Foto Pako?

A CORAL. 50 ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN
Baixo este título, o Concello do Porriño en colaboración co Círculo Recreativo Cultural traballan na programación dunha serie de actos conmemorativos co fin de lembrar e recoñecer o labor da Coral Polifónica do CRC e do seu director, o músico e compositor Antonio I. Paz Valverde; unha das figuras máis relevantes na traxectoria histórico-musical do noso concello, e unha personaxe clave na historia do canto coral en Galicia.

O Arquivo da Imaxe tamén se suma a esta celebración coa preparación dunha mostra retrospectiva titulada A Historia da Coral Polifónica do CRC, que se inaugurará o veindeiro 27 de novembro ás 20:00 h., e que permanecerá até o 29 de decembro no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

A exposición estará composta por unha serie de paneis onde se narran os momentos máis significativos da historia da agrupación coral do Porriño a través de textos, imaxes fotográficas, documentación hemerográfica, programas de actuacións, correspondencia, partituras e uotro tipo de documentos. A mostra complementarase coa presencia de obxectos e documentos orixinais, e proxectarase un audiovisual con imaxes históricas da Coral.

Os textos da exposición foron elaborados por Xosé Ramón Paz Antón, coñecido estudoso da traxectoria musical do noso municipio, que ven de publicar o libro Bandas, Músicos e Orquestras do Porriño. As imaxes e demais documentación son froito da recollida levada a cabo polo Arquivo da Imaxe, na que participaron moitas persoas vencelladas á polifónica aportando fotos e outros documentos que conservaban nas súas casas.

Ademais da exposición, o Arquivo levou a cabo nos últimos meses un traballo de dixitalización e catalogación da obra do compositor A. Paz Valverde, a partir das partituras que o propio autor proporcionou ao AMI. Un traballo que podería ser editado nun futuro próximo co fin de dar unha maior difusión á obra (tan demandada) do compositor porriñés.



A. Paz Valverde visto polo pintor porriñés Antonio F. Valverde
para a revista Acougo

29/10/09

Xa temos gañadores!!


Onte tivo lugar a inauguración da exposición das fotografías presentadas ao concurso fotográfico "As Festas do Cristo 2009", organizado polo Arquivo Municipal da Imaxe e a Oficina de Información Xuvenil do Concello do Porriño. No acto, a concelleira de Mocidade Miriam Martínez Troncoso, deu a coñecer o nome dos gañadores e das fotografías premiadas que son as seguintes:

O PRIMEIRO PREMIO, dotado con 400 €, foi para a fotografía titulada "Ti" de Patricia Rodríguez Botana:

O SEGUNDO PREMIO, dotado con 200 €, foi para otraballo titulado "Lume" de Francisco Bermejo Lazare:

O TERCEIRO PREMIO, dotado con 100 €, foi para a foto titulada "Festa" de Ernesto Herrero Rodríguez:


NORABOA AOS TRES!!!

A exposición cos traballos presentados permanecerá no Centro Cultural Municipal ata o 19 de novembro. Tamén podedes ver as fotos na exposición virtual que está colgada na páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe, accedendo a través do vínculo que aparece neste blog á dereita.

Moitísimas grazas a todas e todos os que participástedes!

Vémonos o ano que ven!


Fotos tomadas onte, durante o acto de inauguración.

21/10/09

Xa podedes ver as fotos presentadas ao concurso "As Festas do Cristo 2009"

O pasado día 16 de outubro rematou o prazo para presentar as fotografías aspirantes a gañar os tres premios que este ano se reparten na III edición do Concurso fotográfico "As Festas do Cristo". Nesta edición presentáronse 14 persoas con un total de 41 traballos. Se queredes ir vendo as fotos que optan aos premios, xa temos unha galería preparada na nosa páxina web. Podedes acceder directamente premendo no link que aparece na parte dereita deste blog.

A exposición "física" inaugurarase o mércores 28 de outubro ás 20:00 h. na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal do Porriño. O día da inauguración procederase tamén á extrega de premios. Estades convidados!

Moita sorte a todas e todos os participantes!!!!