21/6/10

O Arquivo abre a sección Publicacións Dixitais cunha monografía de Iglesias Veiga sobre as orixes das canteiras do Porriño


A páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe pon a disposición dos usuarios a nova sección "Publicacións Dixitais". Nesta sección, publicaranse distintos traballos e monografías promovidos polo Arquivo Municipal da Imaxe e relacionadas coa historia do Porriño. As publicacións contarán con documentación en imaxe procedente dos fondos do Arquivo.

Inauguramos esta sección coa monografía "As canteiras do Porriño nas primeiras décadas do século XX" do historiador José Ramón Iglesias Veiga, un dos mellores coñecedores da historia da nosa contorna e un colaborador infatigable do Arquivo Municipal da Imaxe. Esta publicación recolle e amplía artigos e comentarios aparecidos noutras publicacións de Iglesias Veiga sobre este tema, ofrecéndonos un texto completo e con multitude de referencias documentais sobre o que foi o nacemento dun dos sectores industriais máis importantes para o Porriño e os seus arredores.
Podedes descargar ou consultar este traballo na  nosa páxina web, na área PRESENTACIÓN, sección PUBLICACIÓNS:

José González Araujo publica un libro sobre o granito de Galicia


O pasado 15 de xuño foi presentado no Centro Cultural Municipal o libro "O granito de Galicia e a súa historia". O autor, José González Araujo, director da Asociación de Canteras de Porriño desde 1996 ata 2007, estivo acompañado na presentación do seu libro polo xornalista e responsable do prólogo da obra Gerardo González Martín, o historiador José Ramón Iglesias Veiga e o Alcalde do Porriño Nelson Santos Argibay.
O traballo fai un percorrido pola historia do sector e polos protagonistas da súa evolución, destacando a importancia do Porriño como punto de partida e lugar de referencia dun dos sectores máis relevantes do entramado industrial galego. O traballo de Araujo é o froito de máis dun ano de investigación, recompilando e consultando documentos, artigos de investigación e fotografías sobre o tema. Se a isto lle sumamos a experiencia do autor, que traballou máis de 45 anos nunha das empresas impulsoras do granito galego, o resultado é este fermoso traballo, abordado sempre desde o rigor e o cariño de quen leva toda unha vida adicada ao mundo da pedra.
O libro conta con varias fotografías pertencentes aos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe.

O IES "PINO MANSO" publica un traballo sobre os nomes das rúas do Porriño na web do Arquivo

A área de PARTICPA da páxina web do Arquivo da Imaxe conta desde hoxe cun novo traballo publicado. Trátase do Proxecto Interdisciplinar "Os nomes das rúas do Porriño" elaborado por un grupo de tres profesores do IES "PINO MANSO" do Porriño. Os autores: Lourdes Manteiga Gorgal, Mª del Rosario Sorribas Chaves e José Ramón Iglesias Veiga, destacan o carácter didáctico do traballo "concibido como un pequeno monográfico preparado para achegar información sobre as rúas do Porriño a alumnos da ESO". Ademais da difusión deste traballo de investigación dentro do propio centro educativo, o artigo publícase por vez primeira na páxina web do Arquivo da Imaxe, coa intención dos autores de "poñelo ao servizo de calquera porriñés interesado nesta cuestión". O Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño quere agradecer, unha vez máis, ao IES PINO MANSO a súa colaboración e o interese demostrado por este centro nos proxectos do Arquivo da Imaxe. Podedes consultar ou descargar este traballo no apartado de "Documentos enviados" na área de PARTICIPA da nosa páxina web: