21/1/10

O Concello do Porriño recibe unha doazón con parte da obra do músico e compositor porriñés Bernardo Giráldez del Campo


Bernardo Giráldez Saborido, fillo do coñecido compositor porriñés Bernardo Giráldez del Campo, acaba de efectuar unha doazón ao Concello do Porriño con parte da obra musical do seu proxenitor. O alcalde do Porriño, Raúl Francés, e o cedente Bernardo Giráldez, asinaron o pasado martes 19 de xaneiro o convenio que formaliza este traspaso. O conxunto documental engloba partituras manuscritas de 14 obras musicais, partituras editadas de 4 obras, fotografías de diversas formacións das que foi compoñente, e outros documentos relacionados coa súa actividade profesional. Por vontade do cedente, este legado pasará a formar parte dos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe, que se fará cargo da súa custodia, dixitalización, descrición e difusión.
Raúl Francés destacou o interese público colectivo que ten este conxunto documental para O Porriño por tratarse dun fondo de gran valor patrimonial no eido da cultura e da música do noso Concello. Pola súa parte, Giráldez Saborido manifestou ver cumprido o seu desexo de que este fondo fora conservado no Porriño, o pobo do seu pai; un desexo que cree que el tamen compartiría.

Bernardo Giráldez del Campo naceu no Porriño no ano 1918. Pertence a unha saga de músicos emblemáticos na historia musical do noso concello, iniciada polo seu avó Marcelino Giráldez, director da Banda de Musica do Porriño entre 1894 e 1928, e continuada polos seus tíos e o seu pai Bernardo, saxofonista e percusionista en bandas de música e orquestras de jazz. Tivo unha dilatada carreira musical, sobresaíndo como virtuoso violinista. Formou parte da Sociedad Filarmónica de Vigo, da que chegou a ser o seu primeiro violín e , inclusive, concertista. Destacou tamén a súa actividade como compoñente de conxuntos de música lixeira e de jazz onde, ademais do violín, tocaba instrumentos como o saxofón ou o clarinete. Seguindo a influencia das grandes big band, formou en Vigo o célebre Cuarteto Veracruz, que gozou de moito éxito durante décadas. Nos anos 60 trasládase a Madrid onde exerce como profesor de orquestra na especialidade de violín. En Madrid forma parte de grandes bandas, realizando xiras internacionais a paises como Finlandia, Noruega, Alemaña, Irán ou os Estados Unidos. Nesta época chega a tocar con destacados músicos do momento como Pedro Iturralde ou Regolí, cos que gravou varios discos. Ademais da súa carreira como instrumentista, Bernardo ("Tito") Giráldez tamén dedicou parte do seu tempo á composición musical, chegando a crear para a difusión das súas composicións Ediciones Celta. En 1971 regresa á súa vila natal, onde falece o 4 de setembro de 1974.

13/1/10

A mostra sobre a Coral aberta ata o 29 de xaneiro

Todas as persoa que aínda non visitaron a mostra "Historia da Coral Polifónica do CRC" terán a oportunidade de facelo ata o día 29 de xaneiro. A exposición, organizada polo Concello do Porriño a través do Arquivo Municipal da Imaxe en colaboración co Círculo Recreativo Cultural, realiza un repaso aos 50 anos de historia da coral porriñesa e da figura do seu director, Antonio Paz Valverde, a través de varios paneis con textos, fotografías, partituras e documentos hemerográficos. A mostra compleméntase cunha peza audiovisual na que interveñes algunhas persoas vencelladas a historia desta agrupación, e con obxectos e vestimenta pertencente ás distintas etapas de vida da Coral.

Pódese visitar no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.