20/7/10

O Arquivo da Imaxe lanza unha nova monografía dixital sobre A Educación no Porriño

A publicación conta con textos do historiador José Ramón Iglesias Veiga e con fotografías dos fondos do Arquivo da Imaxe

A Educación no Porriño: Dos inicios do século XX á creación das concentracións escolares é o título da nova monografía dixital que o Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño ven de publicar na súa páxina web. O traballo consta de dúas partes. A primeira correspóndese cunha serie de textos elaborados polo historiador José Ramón Iglesias Veiga sobre as etapas máis importantes da historia do ensino no noso concello. O autor comeza describindo a penosa situación das escolas do Porriño a comezos do século XX, para continuar narrando episodios tan significativos como o das continuas aportacións da emigración porriñesa á mellora do sistema educativo, co seu máximo expoñente na creación da escola “Fernández Areal”; a creación das escolas Graduadas e dos grupos escolares das parroquias; a renovación pedagóxica da república con experiencias tan innovadoras como a posta en marcha da Cooperativa Rural Anexa a Escola Nacional de Nenos de Budiño (CREANN); as dificultades e o estancamento na etapa do franquismo; a aposta pola ilusión coa creación do Instituto; ou, por último, a desaparición do vello sistema das unitarias coa implantación da EXB en 1970 e a creación da primeira concentración escolar en Torneiros no ano 1971. Iglesias Veiga aporta ademais, un listado do maxisterio do Porriño entre o ano 1900 e o 1960, e outro de profesores e profesoras que traballaron no Instituto nos seus primeiros anos de existencia, onde atopamos datos tan curiosos como a presencia de Gonzalo Torrente Ballester como docente do Instituto do Porriño no ano 1970.

A segunda parte compóñena unha selección de máis de 150 imaxes históricas de temática escolar pertencentes aos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe, algunhas delas cedidas por centros educativos como o I.E.S. “Pino Manso”, o C.E.I.P. “Antonio Palacios” ou o desaparecido Colexio "Casales". Na selección teñen cabida imaxes de distintos centros educativos, retratos de grupos escolares da práctica totalidade das escolas da vila e das parroquias, retratos escolares individuais, imaxes do Instituto nos seus primeiros anos de vida e retratos de mestras e mestres emblemáticos que exerceron no noso municipio. As imaxes sitúanse no mesmo contexto que abrangue o texto, así as máis antigas correspóndense coa primeira década do século XX e as máis recentes pertencen aos anos 70, a excepción dunha fotografía dunha das últimas promocións da Graduada que é do ano 1987.

Esta publicación reúne e actualiza parte dos contidos que xa puidemos ver na mostra “A Boa Educación” organizada polo Arquivo Municipal da Imaxe no ano 2008, presentando máis de trinta novas fotografías, que foron incorporándose ao fondo desde esa data.

Podedes consultar ou descaragar esta monografía na área de PRESENTACIÓN, sección PUBLICACIÓNS, da nosa páxina web:

6/7/10

Nova publicación dixital de X. R. Paz Antón: A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde


A nova sección da páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe "Publicacións Dixitais", pon a disposicións dos usuarios un novo traballo monográfico. Nesta ocasión foi o investigador Xosé Ramón Paz Antón quen se encargou de elaborar o texto "A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde" con motivo do 50 aniversario da fundación do coro. Paz Antón convídanos a coñecer a historia deste colectivo nun orixinal percorrido a través do seu repertorio. A Coral supuso todo un fenómeno social no Porriño dos anos 60 e 70, e unha das experiencias musicais colectivas máis transcendentes da nosa historia recente, sendo os primeiros en grabar discos en toda a contorna. Afonda tamén Paz Antón na figura do seu director, o músico, compositor e arranxista Antonio Paz Valverde, e na repercusión que tivo e segue a ter a súa obra dentro e fora do ámbito coral e dentro e fora de Galicia. O traballo complétase  cun extenso catálogo da obra que se coñece do autor e cunha análise do repertorio ao longo dos case 40 anos de existencia ininterrompida deste coro.

Este traballo serviu como base para a conferencia pronunciada nas "VI Xornadas de Historia do Porriño" no pasado decembro de 2009, e para os textos da exposición "Historia da Coral Polifónica do CRC", organizada polo Arquivo Municipal da Imaxe e que se puido contemplar no salón de actos do CRC cara a finais do pasado ano. O carácter didáctico da mostra non permitía reproducir a totalidade do texto. Agora, a través das "publicacións dixitais", temos a oportunidade de coñecer este minucioso e exhaustivo traballo de investigación na súa integridade.

O texto vai acompañado de imaxes históricas da vida do colectivo, así como de partituras, programas de man, correspondencia, documentos hemerográficos, etc. Todos estes documentos (na publicación só se reproduce unha moi pequena parte) foron cedidos por moitos dos compoñentes que pasaron polo coro e polo propio director ao Arquivo Municipal da Imaxe, para salvagardar así esta parte importante do noso patrimonio local.