13/1/10

A mostra sobre a Coral aberta ata o 29 de xaneiro

Todas as persoa que aínda non visitaron a mostra "Historia da Coral Polifónica do CRC" terán a oportunidade de facelo ata o día 29 de xaneiro. A exposición, organizada polo Concello do Porriño a través do Arquivo Municipal da Imaxe en colaboración co Círculo Recreativo Cultural, realiza un repaso aos 50 anos de historia da coral porriñesa e da figura do seu director, Antonio Paz Valverde, a través de varios paneis con textos, fotografías, partituras e documentos hemerográficos. A mostra compleméntase cunha peza audiovisual na que interveñes algunhas persoas vencelladas a historia desta agrupación, e con obxectos e vestimenta pertencente ás distintas etapas de vida da Coral.

Pódese visitar no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

30/11/09

Inaugurouse a exposición "Historia da Coral Polifónica do CRC"

Numeroso público asistiu o pasado venres 27 de novembro á inauguración da mostra retrospectiva sobre a Coral. No acto interviron a presidenta do C.R.C., Mª José Giráldez; o investigador, X. R. Paz Antón; o Alcalde en funcións, Pedro Pereira; e o que foi e segue a ser director da Coral desde a súa fundación, Antonio I. Paz Valverde, que agradeceu emocionado a celebración destes actos conmemorativos. A exposición permanecerá no salón de actos do Círculo recreativo Cultural até o 29 de decembro de 2009. Deixámosvos no blog algunhas fotos tomadas o día da inauguración.

13/11/09

O Arquivo da Imaxe prepara unha nova exposición con motivo do 50 Aniversario da Coral


FOTO: Coral Polifónica do CRC cara 1969. Autor s/i (Foto Pako?

A CORAL. 50 ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN
Baixo este título, o Concello do Porriño en colaboración co Círculo Recreativo Cultural traballan na programación dunha serie de actos conmemorativos co fin de lembrar e recoñecer o labor da Coral Polifónica do CRC e do seu director, o músico e compositor Antonio I. Paz Valverde; unha das figuras máis relevantes na traxectoria histórico-musical do noso concello, e unha personaxe clave na historia do canto coral en Galicia.

O Arquivo da Imaxe tamén se suma a esta celebración coa preparación dunha mostra retrospectiva titulada A Historia da Coral Polifónica do CRC, que se inaugurará o veindeiro 27 de novembro ás 20:00 h., e que permanecerá até o 29 de decembro no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

A exposición estará composta por unha serie de paneis onde se narran os momentos máis significativos da historia da agrupación coral do Porriño a través de textos, imaxes fotográficas, documentación hemerográfica, programas de actuacións, correspondencia, partituras e uotro tipo de documentos. A mostra complementarase coa presencia de obxectos e documentos orixinais, e proxectarase un audiovisual con imaxes históricas da Coral.

Os textos da exposición foron elaborados por Xosé Ramón Paz Antón, coñecido estudoso da traxectoria musical do noso municipio, que ven de publicar o libro Bandas, Músicos e Orquestras do Porriño. As imaxes e demais documentación son froito da recollida levada a cabo polo Arquivo da Imaxe, na que participaron moitas persoas vencelladas á polifónica aportando fotos e outros documentos que conservaban nas súas casas.

Ademais da exposición, o Arquivo levou a cabo nos últimos meses un traballo de dixitalización e catalogación da obra do compositor A. Paz Valverde, a partir das partituras que o propio autor proporcionou ao AMI. Un traballo que podería ser editado nun futuro próximo co fin de dar unha maior difusión á obra (tan demandada) do compositor porriñés.



A. Paz Valverde visto polo pintor porriñés Antonio F. Valverde
para a revista Acougo

29/10/09

Xa temos gañadores!!


Onte tivo lugar a inauguración da exposición das fotografías presentadas ao concurso fotográfico "As Festas do Cristo 2009", organizado polo Arquivo Municipal da Imaxe e a Oficina de Información Xuvenil do Concello do Porriño. No acto, a concelleira de Mocidade Miriam Martínez Troncoso, deu a coñecer o nome dos gañadores e das fotografías premiadas que son as seguintes:

O PRIMEIRO PREMIO, dotado con 400 €, foi para a fotografía titulada "Ti" de Patricia Rodríguez Botana:

O SEGUNDO PREMIO, dotado con 200 €, foi para otraballo titulado "Lume" de Francisco Bermejo Lazare:

O TERCEIRO PREMIO, dotado con 100 €, foi para a foto titulada "Festa" de Ernesto Herrero Rodríguez:


NORABOA AOS TRES!!!

A exposición cos traballos presentados permanecerá no Centro Cultural Municipal ata o 19 de novembro. Tamén podedes ver as fotos na exposición virtual que está colgada na páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe, accedendo a través do vínculo que aparece neste blog á dereita.

Moitísimas grazas a todas e todos os que participástedes!

Vémonos o ano que ven!


Fotos tomadas onte, durante o acto de inauguración.

21/10/09

Xa podedes ver as fotos presentadas ao concurso "As Festas do Cristo 2009"

O pasado día 16 de outubro rematou o prazo para presentar as fotografías aspirantes a gañar os tres premios que este ano se reparten na III edición do Concurso fotográfico "As Festas do Cristo". Nesta edición presentáronse 14 persoas con un total de 41 traballos. Se queredes ir vendo as fotos que optan aos premios, xa temos unha galería preparada na nosa páxina web. Podedes acceder directamente premendo no link que aparece na parte dereita deste blog.

A exposición "física" inaugurarase o mércores 28 de outubro ás 20:00 h. na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal do Porriño. O día da inauguración procederase tamén á extrega de premios. Estades convidados!

Moita sorte a todas e todos os participantes!!!!

2/10/09

Últimos días para realizar fotos sobre as Festas do Cristo


Ás persoas que queiran aspirar a gañar algún dos tres premios que que se ofrecen na terceira edición do concurso fotográfico "As Festas do Cristo" aínda teñen uns días para realizaras súas últimas fotografías. O Arquivo Municipal da Imaxe e a Oficina de Información Xuvenil (OMIX) do Concello do Porriño, organizadores deste evento, queren lembrarlles aos posibles participantes que os actos festivos rematan este domingo día 4 de outubro. Mentres tanto, quedan moitas actividades que fotografar dentro da programación festiva: animación de rúa, teatro, concertos, orquestras, o Torneo de Pincha, a Festa dos Callos ou a Festa da Bicicleta. Ademais, agárdase unha fin de semana con moito ambiente festivo, como xa ocorreu a fin de semna pasada na que as rúas estiveron ateigadas de xente, o que sempre propicia que se poidan obter unhas boas fotos. As tres mellores instantáneas serán premiadas con 400, 200 e 100 €. O prazo de presentación finaliza o vindeiro 16 de outubro.

Animádevos a participar!
Hai moitas fotos na rúa agardando a que as fagades ...

Para máis información consultade as bases nunha entrada a
nterior neste blog, ou na nosa páxina web na sección "novas" no apartado "Arquivo":

www.arquivodaimaxedoporrino.net

Moita sorte a todas e todos!!


Estas son algunhas das imaxes presentadas na edición 2008:


Foto: Patricia Rodríaguez Botana


Foto: Alfonso Troitiño Rozados


Foto: Susana Pérez Feijóo


Foto: Mónica García Rodríguez

16/9/09

O alcalde, Raúl Francés, inaugurou onte a exposición "Carracido en Fotos"


Numeroso publico asistiu onte á inauguración da exposición "Carracido en Fotos". O acto de inauguración contou coa presencia de gran parte da veciñanza do barrio así como de persoas doutros lugares que se achegaron até Carracido para visitar a exposición. O alcalde do Porriño, Raúl Francés, encargado de inaugurar a mostra, tivo unhas palabras de agradecemento "para todas as persoas que fixeron posible esta exposición mediante a aportación de fotografías dos seus álbumes familiares", así como para os representantes da Asociación Veciñal e Cultural "As Mimosas" de Carracido: "por manter vivos os espazos comunitarios e polo seu apoio, traballo e colaboración en actividades e proxectos como o que hoxe inauguramos". Ademais, Francés, animou aos veciños e veciñas que non aportaron fotografías ou que o fixeron fora do prazo establecido para que puidesen pasar a formar parte da exposición (houbo varias persoas que trouxeron fotos o mesmo día da inauguración), a que continúen achegando imaxes ao Arquivo da Imaxe, pois para Francés "a exposición en Carracido non é máis que un punto de partida, pois grazas á participación de toda a veciñanza do municipio, o Arquivo da Imaxe xa conta con preto de 5.000 rexistros fotográficos susceptibles de formar parte doutros moitos proxectos expositivos, editoriais, ...etc." Raúl Francés salientou tamén a figura dos fotógrafos e fotógrafas que traballaron no nosos municipio, deixándonos un legado en imaxes de gran valor cultural, social, etnográfico e artístico.

Pola súa parte, a presidenta da Asociación Veciñal e Cultural "As Mimosas" de Carracido, Mª Carmen González, tamén agradeceu a todas as veciñas e veciños a exemplar participación do barrio na recollida, e agradeceu ao Concello e ao Arquivo da Imaxe a oportunidade brindada para poder levar a cabo unha iniciativa que rescata parte da memoria visual de Carracido.