6/7/10

Nova publicación dixital de X. R. Paz Antón: A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde


A nova sección da páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe "Publicacións Dixitais", pon a disposicións dos usuarios un novo traballo monográfico. Nesta ocasión foi o investigador Xosé Ramón Paz Antón quen se encargou de elaborar o texto "A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde" con motivo do 50 aniversario da fundación do coro. Paz Antón convídanos a coñecer a historia deste colectivo nun orixinal percorrido a través do seu repertorio. A Coral supuso todo un fenómeno social no Porriño dos anos 60 e 70, e unha das experiencias musicais colectivas máis transcendentes da nosa historia recente, sendo os primeiros en grabar discos en toda a contorna. Afonda tamén Paz Antón na figura do seu director, o músico, compositor e arranxista Antonio Paz Valverde, e na repercusión que tivo e segue a ter a súa obra dentro e fora do ámbito coral e dentro e fora de Galicia. O traballo complétase  cun extenso catálogo da obra que se coñece do autor e cunha análise do repertorio ao longo dos case 40 anos de existencia ininterrompida deste coro.

Este traballo serviu como base para a conferencia pronunciada nas "VI Xornadas de Historia do Porriño" no pasado decembro de 2009, e para os textos da exposición "Historia da Coral Polifónica do CRC", organizada polo Arquivo Municipal da Imaxe e que se puido contemplar no salón de actos do CRC cara a finais do pasado ano. O carácter didáctico da mostra non permitía reproducir a totalidade do texto. Agora, a través das "publicacións dixitais", temos a oportunidade de coñecer este minucioso e exhaustivo traballo de investigación na súa integridade.

O texto vai acompañado de imaxes históricas da vida do colectivo, así como de partituras, programas de man, correspondencia, documentos hemerográficos, etc. Todos estes documentos (na publicación só se reproduce unha moi pequena parte) foron cedidos por moitos dos compoñentes que pasaron polo coro e polo propio director ao Arquivo Municipal da Imaxe, para salvagardar así esta parte importante do noso patrimonio local.

No hay comentarios: