6/4/09

Recollida de fotografías en Carracido

FOTO: JOSÉ MOREIRA. Veciñas e veciños de Carracido. Primeiro cuarto do s. XX

O Arquivo da Imaxe xunto coa asociación veciñal e cultural "As Mimosas de Carracido" acabamos de iniciar unha recollida de fotografías antigas no barrio de Carracido. Quen queira participar neste proxecto poderá facelo prestando as súas fotografías ou películas de lugares, festas, emigración, sociedade, familia, traballo, acontecementos, vida cotiá, ... etc. O Arquivo da Imaxe reproducirá os orixinais que serán devoltos aos seus propietarios. As fotos recollidas pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo e, ademais, realizarase proximamente unha exposición no Local Veciñal de Carracido. A recollida levarase a cabo durante todo o mes de abril. As persoas interesadas en participar poden contactar cos representantes da asociación "As Mimosas" ou traer as súas fotos directamente ao Arquivo Municipal da Imaxe, no Centro Cultural Municipal.

Con esta nova actividade queremos continuar o labor de recollida desenvolvido en todas as parroquias do Municipio, acadando así a representatividade de todo o territorio do Porriño nos fondos do Arquivo. Desde o Arquivo da Imaxe queremos lembrar, que ademais desta campaña organizada en Carracido, calquera persoa de calquera lugar do municipio pode colaborar co Arquivo cedendo as súas imaxes, formando así parte dun proxecto que se fai grazas á colaboración de toda a veciñanza do municipio.

17/11/08

"Historias do Pupitre" nas V Xornadas de historia do Porriño


Hoxe comezan as Xornadas de Historia do Porriño que organiza cada ano a Biblioteca Pública Municipal. Nesta V edición a temática dos relatorios xirará en torno á educación, continuando un programa de actividades sobre o ensino no Porriño que deu comezo no pasado mes de setembro coa exposición "A Boa Educación".

O Arquivo da Imaxe volverá a estar presente nestas xornadas, presentando un adianto do resultado do programa de recollida oral "Historias do pupitre", que levamos a cabo durante a exposición "A Boa Educación". Nestas gravacións participaron 22 persoas: mestras retiradas e antigos alumnos e alumnas que quixeron compartir connosco parte das súas vivencias da escola.

Moitas grazas a todas e a todos!!



14/11/08

O Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2008" xa ten gañador.


A fotografía Xeracións, de Francisco Bermejo Lazaré, foi a elixida como gañadora no II Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo", organizado pola Concellería de Mocidade, a través da OMIX, e polo Arquivo Municipal da Imaxe.

O xurado, composto por Nacho Taibo Lorenzo (socio da empresa audiovisual Zoa Media), Begoña Rodríguez García (Licenciada en Belas Artes), Patricia Martínez Pereira (Técnica Superior en Fotografía Artística), e Mª de la Concepción Rodríguez Domínguez (Técnica Superior en Imaxe e Son) coincidiron en outorgar o único premio de 600 € á fotografía do porriñés Francisco Bermejo, entre os 72 traballos presentados.

A totalidade das fotografías poderánse ver no Centro Cultural até o 20 de novembro.

Desde aquí queremos transmitir os nosos parabéns ao gañador, así como o agradecemento a todas e todos os participantes.

Xeracións, de Francisco Bermejo Lazaré foi a fotografía premiada.

24/9/08

Comeza "A Boa Educación". A nova exposición do Arquivo da Imaxe



Coincidindo co comezo do curso escolar, o Arquivo Minicipal da Imaxe presenta a mostra "A Boa Educación".

A través desta exposición poderedes facer un percorrido pola historia do ensino no Concello do Porriño. Ademais de exhibir máis de 100 fotografías históricas da maior parte das escolas do municipio, a mostra conta con diversos contidos de carácter histórico e etnográfico, como a recreación dunha pequena aula de mediados do s. XX, cedida polo Museo Pedagóxico de Galicia, na que podedes apreciar pezas de patrimonio moble e patrimonio lúdico, material bibliográfico e documental de distintas épocas, ou visualizar o vídeo "O ensino, unha viaxe no tempo". Coñeceredes tamén os momentos máis importantes da historia da educación no Porriño a través de 7 paneis con textos elaborados polo historiador José Ramón Iglesias Veiga; e teredes a oportunidade de lembrar ás mestras e aos mestres máis emblemáticos nun espazo adicado ao maxisterio e profesorado do Porriño.

Historias do pupitre.
Ademais, con motivo da exposición, o Arquivo da Imaxe pon en marcha o programa de recollida oral "Historias do Pupitre", onde os cidadáns que o desexen, poderán sentarse nun vello pupitre para relatar os seus recordos e vivencias da escola ante unha cámara. Con esta iniciativa quérese destacar a importancia das testemuñas orais como fonte de documentación para a recuperación do noso patrimonio intanxible. As recollidas serán os días 1 e 9 de outubro desde as 17:00 h. até as 19:00 h.

Horario:
A exposición, que abriu as súas portas o día 22 de setembro, permanecerá aberta até o 10 de outubro co seguinte horario:
De luns a venres, de 9:00 a 21:00 h.
Sábados, domingos e festivos; de 19:00 a 21:00 h.








10/9/08

Presentamos a web do Arquivo da Imaxe !


O próximo venres 12 de setembro presentarase oficialmente a páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe. O alcalde do Porriño, Raúl Francés, e a técnico do Arquivo darán a coñecer a representantes de diversos medios de comunicación os contidos e funcionalidade da páxina, nunha rolda de prensa que se celebrará no Centro Cultural Municipal ás 11:00h.

Desde a páxina web podes visualizar parte dos fondos do Arquivo; coñecer de primeira man as nosas actividades, proxectos e exposicións; ou realizar calquera tipo de consulta, solicitude ou aportación.

XA TEMOS PÁXINA WEB!
VISÍTANOS!

www.arquivodaimaxedoporrino.net



12/8/08

Convocado o II Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2008"






A Concellaría de Mocidade a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil, e o Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño convocamos o II Concurso fotográfico “As Festas do Cristo 2008”.


A temática das fotografías versará sobre as Festas do Crito deste ano e os organizadores pretendemos, un ano máis, que os concursantes sexades capaces de plasmar en imaxes o acontecemento festivo máis importante da vila do Louro.


Cada participante poderá presentar un máximo de cinco traballos en papel fotográfico dun tamaño entre 18-20 x 24-25 cm antes do 17 de outubro de 2008. Un xurado formado por varias persoas do ámbito da Fotografía e das Artes Plásticas será quen decida cal é a mellor imaxe. Haberá un único premio de 600 €. A continuación colgamos as bases polo miudo:

BASES DO II CONCURSO FOTOGRÁFICO “AS FESTAS DO CRISTO 2008”



Dentro das actividades que se inclúen na programación das Festas do Cristo do Porriño 2008 a Concellería Mocidade a través da Oficina de Información Xuvenil (O.M.I.X.), xunto co Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño convocan a 2ª edición do Concurso fotográfico “As festas do Cristo”.

1 PARTICIPANTES:

Poderán participar todas as persoas que o desexen de calquera nacionalidade con residencia en España.

2 FOTOGRAFÍAS:

As fotografías presentaranse en papel fotográfico, cun tamaño de 18-20 X 24-25 cm, e pegadas sobre unha cartulina que teña como referencia o tamaño DIN A-4.
Cada participante poderá presentar ata un máximo de cinco fotografías. As obras deberán ser orixinais, inéditas e non ter sido premiadas nin recoñecidas ou seleccionadas noutros certames. Mesmamente deberán estar libres de dereitos que poidan detentar terceiros.


3 TEMÁTICA:

As fotografías versarán sobre calquera aspecto relacionado coas Festas do Cristo 2008 e como son vividas polos porriñeses e porriñesas.

4 FORMA DE PRESENTACIÓN:

Cada fotografía levará escrito no seu dorso:
Pseudónimo, que deberá ser común para todas as obras do mesmo autor/a
Título, de cada unha das fotografías.
Acompañará a cada unha das fotografías presentadas un sobre pechado que levará escrito no seu exterior: II Concurso fotográfico “Festas do Cristo 2008”, o mesmo pseudónimo que nas obras presentadas e o título da obra.
No seu interior incluírase a seguinte documentación:
Título da obra presentada, nome completo do/a participante, domicilio, teléfono, enderezo electrónico (opcional) e fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia.


5 LUGAR E PRAZO DE ENTREGA :

As fotografías entregaranse nas oficinas do Centro Cultural Municipal en horario de 9:00 a 21:00 h. de luns a venres ata o prazo máximo do 17 de outubro ás 21:00 h.

6 XURADO E FALLO:

O xurado estará formado por varias persoas do ámbito da Fotografía e das Artes Plásticas, ademais dun membro/a en representación do Concello do Porriño que exercerá de secretario/a sen voto. O fallo do xurado comunicarse persoalmente ao gañador/a por teléfono ou correo electrónico, e darase a coñecer nos medios de comunicación.

7 PREMIO:

Concederase un único premio de seiscentos euros (600 €). O xurado resérvase o dereito de declarar o premio deserto por falla de calidade nos traballos, así como conceder mencións especiais, que non terán retribución económica.

8 EXPOSICIÓN:

Realizarase unha exposición coas fotografías presentadas a concurso no Centro Cultural Municipal en datas por determinar no mes de novembro de 2008.

9 DEREITOS PATRIMONIAIS DE EXPLOTACIÓN DA FOTOGRAFÍA PREMIADA:

De conformidade co previsto na Lei de Propiedade Intelectual, o AUTOR/A da fotografía premiada, sen perxuízo dos dereitos morais que lle corresponden, cede ao Concello do Porriño co carácter de exclusiva e coa facultade de cesión a terceiros, os dereitos patrimoniais de explotación da fotografía gañadora.

10 OBRAS NON PREMIADAS:

A presentación dunha fotografía a este concurso conleva a autorización expresa da súa reprodución en calquera formato que se estime necesario para a divulgación do concurso, especialmente no referido á súa promoción, difusión, comunicación e exhibición, incluídos exposicións, catálogos e páxinas web.
Do mesmo xeito todas as fotografías que se presenten a este concurso pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe, pudendo ser incluídas na súa base de datos coa finalidade de consulta por parte de cidadáns en xeral. Para calquera outro uso que non sexa ningún dos aquí especificados consultarase cos autores/as. A organización comprométese a respetar os dereitos morais dos autores/as.
As obras non premiadas poderán ser devoltas a petición dos seus autores/as, sempre pola súa conta, logo de pasados dous meses do fallo do xurado e ata o 31 de xaneiro de 2008. No caso de solicitar a devolución por axencia de transporte, devolveranse a portes debidos.


11 ACEPTACIÓN DAS BASES:

A participación neste concurso supón a total aceptación destas bases. O xurado queda facultado para dirimir calquera eventualidade non prevista nelas.
O Porriño, agosto de 2008.
Fotografía gañadora na edición do 2007, obra de Patricia Rodríguez Botana.





8/7/08

Rescatando as vellas fotografías da escola

Grupo de alumnos e alumnas da escola das irmás Margarita e Adela Lanzós. Autor descoñecido. Ca. 1925.

Desde o Arquivo Municipal da Imaxe estamos preparando unha mostra retrospectiva sobre a escola no Porriño. Na exposición, que se celebrará nos meses de setembro e outubro, coincidindo co inicio do calendario escolar, presentaranse diversos contidos e actividades relacionadas coa historia do ensino no noso concello. Ademais poderánse ver parte das imaxes que integran a sección de fotografía da educación pertencente ao fondo xeral do Arquivo da Imaxe que inclúe, entre outros, numerosos retratos escolares (tanto individuais como de grupo), imaxes de diferentes escenas da actividade educativa, fotografías de edificios que funcionaron ou funcionan como centros docentes no noso concello, ou retratos de mestres emblemáticos que xa forman parte da memoria e dos recordos da infancia de moitos porriñeses.


Participa coas túas fotos da escola
Para complementar esta sección, o Arquivo da Imaxe convida aos veciñose veciñas de todo o municipio a que participen do proxecto prestando as súas fotos da escola, e desta maneira poidan estar presentes tamén na exposición. Os orixinais fotográficos serán dixitalizados e devoltos aos seus propietarios. As fotografías recolleranse durante os meses de xuño e xullo nas oficinas do Arquivo Municipal da Imaxe no Centro Cultural Municipal, en horario de 9 da mañán ás 3 da tarde ou poñéndose en contacto no teléfono 986337624.