10/9/09

Exposición "Carracido en Fotos"



Os veciños e veciñas de Carracido, e todas as persoas que se acheguen a visitar esta mostra, terán a oportunidade de contemplar nunha exposición fotográfica, imaxes da vida cotiá do barrio porriñés correspondentes ao século XX. A iniciativa parte tras a recollida de fotografías levada a cabo no lugar durante os meses de abril e maio polo Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño xunto coa Asociación Cultural e Veciñal "As Mimosas" de Carracido. Na recollida participaron máis de 20 familias aportando un total de 264 imaxes, sen dúbida un éxito tendo en conta que se trata dun barrio pequeno da vila. Esta recollida ven a continuar o programa de recuperación do patrimonio fotográfico levado a cabo polo Arquivo da Imaxe nas oito parroquias do municipio. Na exposición poderá verse unha escolma de 128 imaxes entre as que destacan temas como o retrato, a agricultura, a emigración, as festas, os deportes, a educación, ...etc . A mostra inaugurarase o martes 15 de setembro ás 20 h. e permanecerá no Local Veciñal de Carracido até o 15 de outubro, en horario de venres e sábados das 18:00 até as 20:00 h..

Desde o Arquivo da Imaxe queremos lembrarvos a todos os veciños e veciñas do municipio que podedes seguir colaborando a través do préstamo de fotografía para contribuír a seguir incrementando o fondo documental do Arquivo, que xa conta na actualidade con preto de 5.000 fotografías e outro tipo de documentos gráficos.

Fotos: Cartel: Equipo de futbol Imperial de Carracido. 1940-1945 (?). FOTO RAMIRO. Esquerda: Nenos bailando nunha voda. 1952. FOTO COMPANY. Dereita: Grupo de alumnas e alumnos da escola unitaria mixta de Carracido coa mestra Paquita Tomé. 1948-1949. FOTO E. UTRILLA

18/8/09

III Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2009"


Dentro das actividades que se inclúen na programación das Festas do Cristo do Porriño 2009 a Concellaría de Mocidade a través da Oficina de Información Xuvenil (O.M.I.X.), xunto co Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño convocan a 3ª edición do concurso fotográfico “As festas do Cristo”.
BASES:

1. PARTICIPANTES:
Poderán participar todas as persoas que o desexen de calquera nacionalidade con residencia no estado español.

2. FOTOGRAFÍAS:
As fotografías presentaranse en papel fotográfico, cun tamaño de 18-20 X 24-25 cm, e pegadas sobre unha cartulina negra que teña como referencia o tamaño DIN A-4.
Cada participante poderá presentar ata un máximo de cinco fotografías. As obras deberán ser orixinais, inéditas e non ter sido premiadas nin recoñecidas ou seleccionadas noutros certames.

3. TEMÁTICA:
As fotografías versarán sobre calquera aspecto relacionado coas Festas do Cristo 2009 e como son vividas polas porriñesas e os porriñeses.

4. FORMA DE PRESENTACIÓN:
Cada fotografía levará escrito no seu dorso:
Pseudónimo, que deberá ser común para todas as obras da mesma autoría
Título, de cada unha das fotografías.
Acompañará a cada unha das fotografías presentadas un sobre pechado que levará escrito no seu exterior: III Concurso fotográfico “Festas do Cristo 2009”, o mesmo pseudónimo que nas obras presentadas e o título da obra.
No seu interior incluírase a seguinte documentación:
Título da obra presentada, nome completo de quen participa, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico (opcional) e fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia.

Cada participante entregará un arquivo por fotografía en formato dixital (Tiff o Jpeg), a 300 ppp como mínimo e resolución mínima de 800x600 pixel.

5. LUGAR E PRAZO DE ENTREGA :
As fotografías entregaranse nas oficinas do Centro Cultural Municipal en horario de 9:00 a 21:00 h. de luns a venres ata o prazo máximo do 16 de outubro.

6. XURADO E FALLO:
O xurado estará formado por varias persoas do ámbito da Fotografía e das Artes Plásticas, ademais dunha persoa en representación do Concello do Porriño que exercerá de secretario/a sen voto. O fallo do xurado comunicarse á persoa gañadora por teléfono ou correo electrónico, e darase a coñecer nos medios de comunicación.

7. PREMIOS:
Concederanse os seguintes premios:
Un 1º PREMIO de catrocentos euros (400 ),
un 2º PREMIO de douscentos euros (200 ),
e un 3º PREMIO de cen euros (100 ).

O xurado resérvase o dereito de declarar deserto algún dos premios ou os tres por falla de calidade nos traballos, así como conceder mencións especiais, que non terán retribución económica.

8. EXPOSICIÓN:
Realizarase unha exposición coas fotografías presentadas a concurso no Centro Cultural Municipal en datas por determinar nos meses de outubro e novembro de 2009. Ademais subirase unha exposición virtual á páxina web: www.arquivodaimaxedoporrino.net

9. DEREITOS PATRIMONIAIS DE EXPLOTACIÓN DA FOTOGRAFÍA PREMIADA:
De conformidade co previsto na Lei de Propiedade Intelectual, a AUTORA ou AUTOR da fotografía premiada, sen perxuízo dos dereitos morais que lle corresponden, cede ao Concello do Porriño co carácter de exclusiva e coa facultade de cesión a terceiras persoas, os dereitos patrimoniais de explotación da fotografía gañadora.

10. OBRAS NON PREMIADAS
A presentación dunha fotografía a este concurso conleva a autorización expresa da súa reprodución en calquera formato que se estime necesario para a divulgación do concurso, especialmente no referido á súa promoción, difusión, comunicación e exhibición, incluídos exposicións, catálogos e páxinas web.
Do mesmo xeito todas as fotografías que se presenten a este concurso pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe, pudendo ser incluídas na súa base de datos coa finalidade de consulta. Para calquera outro uso que non sexa ningún dos aquí especificados consultarase coas autoras e autores. A organización comprométese a respetar os dereitos morais derivados da autoría.
As obras non premiadas poderán ser devoltas a petición das persoas participantes, sempre pola súa conta, logo de pasados dous meses do fallo do xurado e ata o 31 de xaneiro de 2010. No caso de solicitar a devolución por axencia de transporte, devolveranse a portes debidos.

11. ACEPTACIÓN DAS BASES:
A participación neste concurso supón a total aceptación destas bases. O xurado queda facultado para dirimir calquera eventualidade non prevista nelas.


O Porriño, agosto de 2009.


"Xeracións": Fotografía gañadora na II edición, de Francisco Bermejo Lazare.

17/8/09

Paz Antón presenta o seu libro Bandas, músicos e orquestras do Porriño, con fotografías do Arquivo da Imaxe

Cuberta do libro Bandas, músicos e orquestras do Porriño

O pintor e músico porriñés Xosé Ramón Paz Antón ven de presentar o seu último libro Bandas, músicos e orquestras do Porriño, editado na colección Historias Gráficas da editorial A Nosa Terra, e que supón unha importante aportación a musicoloxía galega. O libro é o resultado do traballo de investigación que Paz Antón ven realizando desde hai varios anos sobre a traxectoria musical do noso municipio. Segundo as palabras de Paz Antón "os distintos directores e músicos van desfilando polas páxinas desta publicación amosando ao mesmo tempo unha panorámica da historia local vencellada aos aspectos sociais e festivos da comunidade".

A publicación conta ademais coa colaboración do Arquivo Municipal da Imaxe a través da cesión de máis de 70 fotografías pertencentes aos nosos fondos.

Desde o Arquivo da Imaxe queremos agradecer ao autor a súa contribución á recuperación da memoria histórica do Porriño como xa fixo co seu anterior traballo O Porriño. 1936., e felicitalo por esta nova publicación.

16/6/09

Os transportes do Porriño no espello do tempo


Desde o luns 15 de xuño pódese visitar no Centro Cultural Municipal a exposición Os transportes do Porriño no espello do tempo, realizada polo IES Pino Manso co apoio do Concello do Porriño. A mostra está composta por trinta paneis onde se narran os momentos máis significativos da historia dos medios de transporte e as vías de comunicación no noso municipio: as orixes da vila como un cruce de camiños até a conformación urbana actual; as melloras nas vías de comunicación e infraestruturas; a chegada do ferrocarril e o pulo que lle deu as industrias da zona; a importancia do tranvía como novo medio de transporte; o ómnibus e as liñas de pasaxeiros, os primeiros automóbiles e a nova industria que xerou o sector, ... etc. Os textos están acompañados por unha nutrida colección de imaxes históricas, gran parte delas pertencentes aos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe.


Non perdades a ocasión de visitar esta interesante exposición!

A mostra permanecerá aberta até o xoves 2 de xullo en horario de luns a venres de 9:00 a 21:00 h.

6/4/09

Recollida de fotografías en Carracido

FOTO: JOSÉ MOREIRA. Veciñas e veciños de Carracido. Primeiro cuarto do s. XX

O Arquivo da Imaxe xunto coa asociación veciñal e cultural "As Mimosas de Carracido" acabamos de iniciar unha recollida de fotografías antigas no barrio de Carracido. Quen queira participar neste proxecto poderá facelo prestando as súas fotografías ou películas de lugares, festas, emigración, sociedade, familia, traballo, acontecementos, vida cotiá, ... etc. O Arquivo da Imaxe reproducirá os orixinais que serán devoltos aos seus propietarios. As fotos recollidas pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo e, ademais, realizarase proximamente unha exposición no Local Veciñal de Carracido. A recollida levarase a cabo durante todo o mes de abril. As persoas interesadas en participar poden contactar cos representantes da asociación "As Mimosas" ou traer as súas fotos directamente ao Arquivo Municipal da Imaxe, no Centro Cultural Municipal.

Con esta nova actividade queremos continuar o labor de recollida desenvolvido en todas as parroquias do Municipio, acadando así a representatividade de todo o territorio do Porriño nos fondos do Arquivo. Desde o Arquivo da Imaxe queremos lembrar, que ademais desta campaña organizada en Carracido, calquera persoa de calquera lugar do municipio pode colaborar co Arquivo cedendo as súas imaxes, formando así parte dun proxecto que se fai grazas á colaboración de toda a veciñanza do municipio.

17/11/08

"Historias do Pupitre" nas V Xornadas de historia do Porriño


Hoxe comezan as Xornadas de Historia do Porriño que organiza cada ano a Biblioteca Pública Municipal. Nesta V edición a temática dos relatorios xirará en torno á educación, continuando un programa de actividades sobre o ensino no Porriño que deu comezo no pasado mes de setembro coa exposición "A Boa Educación".

O Arquivo da Imaxe volverá a estar presente nestas xornadas, presentando un adianto do resultado do programa de recollida oral "Historias do pupitre", que levamos a cabo durante a exposición "A Boa Educación". Nestas gravacións participaron 22 persoas: mestras retiradas e antigos alumnos e alumnas que quixeron compartir connosco parte das súas vivencias da escola.

Moitas grazas a todas e a todos!!



14/11/08

O Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2008" xa ten gañador.


A fotografía Xeracións, de Francisco Bermejo Lazaré, foi a elixida como gañadora no II Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo", organizado pola Concellería de Mocidade, a través da OMIX, e polo Arquivo Municipal da Imaxe.

O xurado, composto por Nacho Taibo Lorenzo (socio da empresa audiovisual Zoa Media), Begoña Rodríguez García (Licenciada en Belas Artes), Patricia Martínez Pereira (Técnica Superior en Fotografía Artística), e Mª de la Concepción Rodríguez Domínguez (Técnica Superior en Imaxe e Son) coincidiron en outorgar o único premio de 600 € á fotografía do porriñés Francisco Bermejo, entre os 72 traballos presentados.

A totalidade das fotografías poderánse ver no Centro Cultural até o 20 de novembro.

Desde aquí queremos transmitir os nosos parabéns ao gañador, así como o agradecemento a todas e todos os participantes.

Xeracións, de Francisco Bermejo Lazaré foi a fotografía premiada.