17/8/09

Paz Antón presenta o seu libro Bandas, músicos e orquestras do Porriño, con fotografías do Arquivo da Imaxe

Cuberta do libro Bandas, músicos e orquestras do Porriño

O pintor e músico porriñés Xosé Ramón Paz Antón ven de presentar o seu último libro Bandas, músicos e orquestras do Porriño, editado na colección Historias Gráficas da editorial A Nosa Terra, e que supón unha importante aportación a musicoloxía galega. O libro é o resultado do traballo de investigación que Paz Antón ven realizando desde hai varios anos sobre a traxectoria musical do noso municipio. Segundo as palabras de Paz Antón "os distintos directores e músicos van desfilando polas páxinas desta publicación amosando ao mesmo tempo unha panorámica da historia local vencellada aos aspectos sociais e festivos da comunidade".

A publicación conta ademais coa colaboración do Arquivo Municipal da Imaxe a través da cesión de máis de 70 fotografías pertencentes aos nosos fondos.

Desde o Arquivo da Imaxe queremos agradecer ao autor a súa contribución á recuperación da memoria histórica do Porriño como xa fixo co seu anterior traballo O Porriño. 1936., e felicitalo por esta nova publicación.

16/6/09

Os transportes do Porriño no espello do tempo


Desde o luns 15 de xuño pódese visitar no Centro Cultural Municipal a exposición Os transportes do Porriño no espello do tempo, realizada polo IES Pino Manso co apoio do Concello do Porriño. A mostra está composta por trinta paneis onde se narran os momentos máis significativos da historia dos medios de transporte e as vías de comunicación no noso municipio: as orixes da vila como un cruce de camiños até a conformación urbana actual; as melloras nas vías de comunicación e infraestruturas; a chegada do ferrocarril e o pulo que lle deu as industrias da zona; a importancia do tranvía como novo medio de transporte; o ómnibus e as liñas de pasaxeiros, os primeiros automóbiles e a nova industria que xerou o sector, ... etc. Os textos están acompañados por unha nutrida colección de imaxes históricas, gran parte delas pertencentes aos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe.


Non perdades a ocasión de visitar esta interesante exposición!

A mostra permanecerá aberta até o xoves 2 de xullo en horario de luns a venres de 9:00 a 21:00 h.

6/4/09

Recollida de fotografías en Carracido

FOTO: JOSÉ MOREIRA. Veciñas e veciños de Carracido. Primeiro cuarto do s. XX

O Arquivo da Imaxe xunto coa asociación veciñal e cultural "As Mimosas de Carracido" acabamos de iniciar unha recollida de fotografías antigas no barrio de Carracido. Quen queira participar neste proxecto poderá facelo prestando as súas fotografías ou películas de lugares, festas, emigración, sociedade, familia, traballo, acontecementos, vida cotiá, ... etc. O Arquivo da Imaxe reproducirá os orixinais que serán devoltos aos seus propietarios. As fotos recollidas pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo e, ademais, realizarase proximamente unha exposición no Local Veciñal de Carracido. A recollida levarase a cabo durante todo o mes de abril. As persoas interesadas en participar poden contactar cos representantes da asociación "As Mimosas" ou traer as súas fotos directamente ao Arquivo Municipal da Imaxe, no Centro Cultural Municipal.

Con esta nova actividade queremos continuar o labor de recollida desenvolvido en todas as parroquias do Municipio, acadando así a representatividade de todo o territorio do Porriño nos fondos do Arquivo. Desde o Arquivo da Imaxe queremos lembrar, que ademais desta campaña organizada en Carracido, calquera persoa de calquera lugar do municipio pode colaborar co Arquivo cedendo as súas imaxes, formando así parte dun proxecto que se fai grazas á colaboración de toda a veciñanza do municipio.

17/11/08

"Historias do Pupitre" nas V Xornadas de historia do Porriño


Hoxe comezan as Xornadas de Historia do Porriño que organiza cada ano a Biblioteca Pública Municipal. Nesta V edición a temática dos relatorios xirará en torno á educación, continuando un programa de actividades sobre o ensino no Porriño que deu comezo no pasado mes de setembro coa exposición "A Boa Educación".

O Arquivo da Imaxe volverá a estar presente nestas xornadas, presentando un adianto do resultado do programa de recollida oral "Historias do pupitre", que levamos a cabo durante a exposición "A Boa Educación". Nestas gravacións participaron 22 persoas: mestras retiradas e antigos alumnos e alumnas que quixeron compartir connosco parte das súas vivencias da escola.

Moitas grazas a todas e a todos!!



14/11/08

O Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2008" xa ten gañador.


A fotografía Xeracións, de Francisco Bermejo Lazaré, foi a elixida como gañadora no II Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo", organizado pola Concellería de Mocidade, a través da OMIX, e polo Arquivo Municipal da Imaxe.

O xurado, composto por Nacho Taibo Lorenzo (socio da empresa audiovisual Zoa Media), Begoña Rodríguez García (Licenciada en Belas Artes), Patricia Martínez Pereira (Técnica Superior en Fotografía Artística), e Mª de la Concepción Rodríguez Domínguez (Técnica Superior en Imaxe e Son) coincidiron en outorgar o único premio de 600 € á fotografía do porriñés Francisco Bermejo, entre os 72 traballos presentados.

A totalidade das fotografías poderánse ver no Centro Cultural até o 20 de novembro.

Desde aquí queremos transmitir os nosos parabéns ao gañador, así como o agradecemento a todas e todos os participantes.

Xeracións, de Francisco Bermejo Lazaré foi a fotografía premiada.

24/9/08

Comeza "A Boa Educación". A nova exposición do Arquivo da Imaxe



Coincidindo co comezo do curso escolar, o Arquivo Minicipal da Imaxe presenta a mostra "A Boa Educación".

A través desta exposición poderedes facer un percorrido pola historia do ensino no Concello do Porriño. Ademais de exhibir máis de 100 fotografías históricas da maior parte das escolas do municipio, a mostra conta con diversos contidos de carácter histórico e etnográfico, como a recreación dunha pequena aula de mediados do s. XX, cedida polo Museo Pedagóxico de Galicia, na que podedes apreciar pezas de patrimonio moble e patrimonio lúdico, material bibliográfico e documental de distintas épocas, ou visualizar o vídeo "O ensino, unha viaxe no tempo". Coñeceredes tamén os momentos máis importantes da historia da educación no Porriño a través de 7 paneis con textos elaborados polo historiador José Ramón Iglesias Veiga; e teredes a oportunidade de lembrar ás mestras e aos mestres máis emblemáticos nun espazo adicado ao maxisterio e profesorado do Porriño.

Historias do pupitre.
Ademais, con motivo da exposición, o Arquivo da Imaxe pon en marcha o programa de recollida oral "Historias do Pupitre", onde os cidadáns que o desexen, poderán sentarse nun vello pupitre para relatar os seus recordos e vivencias da escola ante unha cámara. Con esta iniciativa quérese destacar a importancia das testemuñas orais como fonte de documentación para a recuperación do noso patrimonio intanxible. As recollidas serán os días 1 e 9 de outubro desde as 17:00 h. até as 19:00 h.

Horario:
A exposición, que abriu as súas portas o día 22 de setembro, permanecerá aberta até o 10 de outubro co seguinte horario:
De luns a venres, de 9:00 a 21:00 h.
Sábados, domingos e festivos; de 19:00 a 21:00 h.








10/9/08

Presentamos a web do Arquivo da Imaxe !


O próximo venres 12 de setembro presentarase oficialmente a páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe. O alcalde do Porriño, Raúl Francés, e a técnico do Arquivo darán a coñecer a representantes de diversos medios de comunicación os contidos e funcionalidade da páxina, nunha rolda de prensa que se celebrará no Centro Cultural Municipal ás 11:00h.

Desde a páxina web podes visualizar parte dos fondos do Arquivo; coñecer de primeira man as nosas actividades, proxectos e exposicións; ou realizar calquera tipo de consulta, solicitude ou aportación.

XA TEMOS PÁXINA WEB!
VISÍTANOS!

www.arquivodaimaxedoporrino.net