13/11/09

O Arquivo da Imaxe prepara unha nova exposición con motivo do 50 Aniversario da Coral


FOTO: Coral Polifónica do CRC cara 1969. Autor s/i (Foto Pako?

A CORAL. 50 ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN
Baixo este título, o Concello do Porriño en colaboración co Círculo Recreativo Cultural traballan na programación dunha serie de actos conmemorativos co fin de lembrar e recoñecer o labor da Coral Polifónica do CRC e do seu director, o músico e compositor Antonio I. Paz Valverde; unha das figuras máis relevantes na traxectoria histórico-musical do noso concello, e unha personaxe clave na historia do canto coral en Galicia.

O Arquivo da Imaxe tamén se suma a esta celebración coa preparación dunha mostra retrospectiva titulada A Historia da Coral Polifónica do CRC, que se inaugurará o veindeiro 27 de novembro ás 20:00 h., e que permanecerá até o 29 de decembro no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

A exposición estará composta por unha serie de paneis onde se narran os momentos máis significativos da historia da agrupación coral do Porriño a través de textos, imaxes fotográficas, documentación hemerográfica, programas de actuacións, correspondencia, partituras e uotro tipo de documentos. A mostra complementarase coa presencia de obxectos e documentos orixinais, e proxectarase un audiovisual con imaxes históricas da Coral.

Os textos da exposición foron elaborados por Xosé Ramón Paz Antón, coñecido estudoso da traxectoria musical do noso municipio, que ven de publicar o libro Bandas, Músicos e Orquestras do Porriño. As imaxes e demais documentación son froito da recollida levada a cabo polo Arquivo da Imaxe, na que participaron moitas persoas vencelladas á polifónica aportando fotos e outros documentos que conservaban nas súas casas.

Ademais da exposición, o Arquivo levou a cabo nos últimos meses un traballo de dixitalización e catalogación da obra do compositor A. Paz Valverde, a partir das partituras que o propio autor proporcionou ao AMI. Un traballo que podería ser editado nun futuro próximo co fin de dar unha maior difusión á obra (tan demandada) do compositor porriñés.



A. Paz Valverde visto polo pintor porriñés Antonio F. Valverde
para a revista Acougo

No hay comentarios: