Numeroso publico asistiu onte á inauguración da exposición "Carracido en Fotos". O acto de inauguración contou coa presencia de gran parte da veciñanza do barrio así como de persoas doutros lugares que se achegaron até Carracido para visitar a exposición. O alcalde do Porriño, Raúl Francés, encargado de inaugurar a mostra, tivo unhas palabras de agradecemento "para todas as persoas que fixeron posible esta exposición mediante a aportación de fotografías dos seus álbumes familiares", así como para os representantes da Asociación Veciñal e Cultural "As Mimosas" de Carracido: "por manter vivos os espazos comunitarios e polo seu apoio, traballo e colaboración en actividades e proxectos como o que hoxe inauguramos". Ademais, Francés, animou aos veciños e veciñas que non aportaron fotografías ou que o fixeron fora do prazo establecido para que puidesen pasar a formar parte da exposición (houbo varias persoas que trouxeron fotos o mesmo día da inauguración), a que continúen achegando imaxes ao Arquivo da Imaxe, pois para Francés "a exposición en Carracido non é máis que un punto de partida, pois grazas á participación de toda a veciñanza do municipio, o Arquivo da Imaxe xa conta con preto de 5.000 rexistros fotográficos susceptibles de formar parte doutros moitos proxectos expositivos, editoriais, ...etc." Raúl Francés salientou tamén a figura dos fotógrafos e fotógrafas que traballaron no nosos municipio, deixándonos un legado en imaxes de gran valor cultural, social, etnográfico e artístico.
Pola súa parte, a presidenta da Asociación Veciñal e Cultural "As Mimosas" de Carracido, Mª Carmen González, tamén agradeceu a todas as veciñas e veciños a exemplar participación do barrio na recollida, e agradeceu ao Concello e ao Arquivo da Imaxe a oportunidade brindada para poder levar a cabo unha iniciativa que rescata parte da memoria visual de Carracido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario