A páxina permite visualizar unha parte importante dos fondos do Arquivo
O Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño acaba de renovar o seu espazo web, http://www.arquivodaimaxedoporrino.net/, co desexo de que internet continúe sendo unha das canles a través das que achegar o Arquivo da Imaxe á sociedade de dentro e fóra do Porriño. Ademais da ampliación e actualización de contidos, a nova páxina presenta unha serie de cambios estruturais que proporcionan unha navegación máis sinxela e intuitiva para os internautas, a través dun deseño atractivo e funcional (3 Doc).
Por medio deste sitio web, os visitantes podedes coñecer toda a información relativa aos fondos e as actividades que desenvolve o Arquivo Municipal da Imaxe. Tamén podedes visualizar unha parte importante das fotografías e doutros documentos existentes nos fondos, a través de seccións como a de "Fotografías", con máis de 700 imaxes clasificadas en álbums temáticos; "Exposicións", con 4 mostras virtuais con máis de 200 fotografías de varias parroquias do municipio; ou "Outros documentos", con vídeos das recollidas orais realizadas polo Arquivo e coa descrición doutros fondos documentais presentes no Arquivo. A páxina conta tamén cun espazo reservado para tributo dos profesionais da fotografía, con notas biográficas e información relativa aos fotógrafos e fotógrafas que deixaron unha maior pegada no Porriño e na contorna. Po último, a través da sección "Participa", o Arquivo da Imaxe convida aos internautas a participar a través do envío tanto de fotografías, como doutras fontes documentais relacionadas co Porriño. Como novidade nesta sección, preséntase a creación dun espazo onde investigadores e estudosos da historia do Porriño e da Fotografía poden enviar e publicar os seus artigos e traballos de investigación, espazo no que, polo de agora, xa levan participado estudosos da historia local como David Pérez Rego, Diego Giráldez ou José Ramón Iglesias Veiga.