4/11/10

O IV Concurso Fotográfico "As Festas do Crsito 2010" xa ten gañadores!

De esqda. á dta.: María Teresa Herrero Nacimiento (2º premio), José Daniel Bermejo Lázare (1º premio), o Alcalde do Porriño Nelson Santos, Miguel ángel Herrero Delicado (3º premio), e o tenente Alcalde Manuel Carrera, durante o acto de inauguración da exposición.

O pasado mércores 3 de novembro tivo lugar o acto de inauguración da mostra cos traballos presentados á IV edición do Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2010", organizado polas concellerías de Cultura e de Xuventude do Concello do Porriño a través do Arquivo Municipal da Imaxe e da Oficine Municipal de Información Xuvenil. O acto contou coa presencia do Alcalde do Porriño Nelson Santos, o tenente alcalde Manule Carrera, varios representantes da Comisión de Festas do Cristo 2010, e concursantes que participaron no certame. Neste acto desveláronse cales foron as tres fotografías gañadoras, decisión tomada previamente por un xurado composto por cinco profesionais da fotografía e do deseño creativo. O xurado coincidiu en resaltar a calidade dos corenta e sete traballos presentados, o que sen dúbida dificultou a elección. Finalmente outorgouse o primeiro premio, dotado con trescentos euros, a José Daniel Bermejo Lázare coa fotografía titulada "Peligra el Artista"; o segundo premio, de douscentos euros, foi para María Teresa Herrero Nacimiento con "Formación"; e o terceiro premio, de cen euros, foi para "Capilla Iluminada" de Miguel Ángel Herrero Delicado. A exposición cos traballos presentados a concurso pódese visitar no Centro Cultural Municipal durante todo o mes de novembro. Proximamente habilitarase tamén unha galería virtual coas fotografías na páxina web www.concellodoporrino.net. O Concello do Porriño quere transmitir o seu agradecemento a todas as persoas que participaron no certame, así como aos membros do xurado pola súa inestimable colaboración.

PRIMEIRO PREMIO: "Peligra el Artista" de José Daniel Bermejo Lázare
SEGUNDO PREMIO: "Formación" de María Teresa Herrero Nacimiento
TERCEIRO PREMIO: "Capilla Iluminada" de Miguel Ángel Herrero Delicado

2/9/10

O Concello do Porriño convoca o IV Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2010"

As Concellerías de Cultura e de Xuventude do Concello do Porriño, a través do Arquivo Municipal da Imaxe e da Oficina de Información Xuvenil (O.M.I.X.), veñen de convocar o IV Concurso Fotográfico "As Festas do Cristo 2010".

As persoas que participen deberán plasmar a súa visión sobre o acontecemento festivo máis importante da vila do Louro. Este ano haberá un primeiro premio dotado con 300 €, un segundo de 200 €, e un terceiro de 100€. Cada participante poderá presentar un máximo de cinco traballos en papel fotográfico e nun tamaño entre 18-20 x 24-25 cm. antes do 15 de outubro de 2010. Un xurado formado por varias persoas do ámbito da Fotografía e das Artes Plásticas será quen decida cales son as mellores imaxes. con este concurso a organización quere poñer en valor os aspectos etnográficos, culturais e sociais relacionados coas festas locais a través da linguaxe fotográfica.
Se queredes ver as fotografías presentadas a concurso na pasada edición clicade aquí:
http://www.arquivodaimaxedoporrino.net/concurso_cristo/fs_aux.html

 BASES:

20/7/10

O Arquivo da Imaxe lanza unha nova monografía dixital sobre A Educación no Porriño

A publicación conta con textos do historiador José Ramón Iglesias Veiga e con fotografías dos fondos do Arquivo da Imaxe

A Educación no Porriño: Dos inicios do século XX á creación das concentracións escolares é o título da nova monografía dixital que o Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño ven de publicar na súa páxina web. O traballo consta de dúas partes. A primeira correspóndese cunha serie de textos elaborados polo historiador José Ramón Iglesias Veiga sobre as etapas máis importantes da historia do ensino no noso concello. O autor comeza describindo a penosa situación das escolas do Porriño a comezos do século XX, para continuar narrando episodios tan significativos como o das continuas aportacións da emigración porriñesa á mellora do sistema educativo, co seu máximo expoñente na creación da escola “Fernández Areal”; a creación das escolas Graduadas e dos grupos escolares das parroquias; a renovación pedagóxica da república con experiencias tan innovadoras como a posta en marcha da Cooperativa Rural Anexa a Escola Nacional de Nenos de Budiño (CREANN); as dificultades e o estancamento na etapa do franquismo; a aposta pola ilusión coa creación do Instituto; ou, por último, a desaparición do vello sistema das unitarias coa implantación da EXB en 1970 e a creación da primeira concentración escolar en Torneiros no ano 1971. Iglesias Veiga aporta ademais, un listado do maxisterio do Porriño entre o ano 1900 e o 1960, e outro de profesores e profesoras que traballaron no Instituto nos seus primeiros anos de existencia, onde atopamos datos tan curiosos como a presencia de Gonzalo Torrente Ballester como docente do Instituto do Porriño no ano 1970.

A segunda parte compóñena unha selección de máis de 150 imaxes históricas de temática escolar pertencentes aos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe, algunhas delas cedidas por centros educativos como o I.E.S. “Pino Manso”, o C.E.I.P. “Antonio Palacios” ou o desaparecido Colexio "Casales". Na selección teñen cabida imaxes de distintos centros educativos, retratos de grupos escolares da práctica totalidade das escolas da vila e das parroquias, retratos escolares individuais, imaxes do Instituto nos seus primeiros anos de vida e retratos de mestras e mestres emblemáticos que exerceron no noso municipio. As imaxes sitúanse no mesmo contexto que abrangue o texto, así as máis antigas correspóndense coa primeira década do século XX e as máis recentes pertencen aos anos 70, a excepción dunha fotografía dunha das últimas promocións da Graduada que é do ano 1987.

Esta publicación reúne e actualiza parte dos contidos que xa puidemos ver na mostra “A Boa Educación” organizada polo Arquivo Municipal da Imaxe no ano 2008, presentando máis de trinta novas fotografías, que foron incorporándose ao fondo desde esa data.

Podedes consultar ou descaragar esta monografía na área de PRESENTACIÓN, sección PUBLICACIÓNS, da nosa páxina web:

6/7/10

Nova publicación dixital de X. R. Paz Antón: A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde


A nova sección da páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe "Publicacións Dixitais", pon a disposicións dos usuarios un novo traballo monográfico. Nesta ocasión foi o investigador Xosé Ramón Paz Antón quen se encargou de elaborar o texto "A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde" con motivo do 50 aniversario da fundación do coro. Paz Antón convídanos a coñecer a historia deste colectivo nun orixinal percorrido a través do seu repertorio. A Coral supuso todo un fenómeno social no Porriño dos anos 60 e 70, e unha das experiencias musicais colectivas máis transcendentes da nosa historia recente, sendo os primeiros en grabar discos en toda a contorna. Afonda tamén Paz Antón na figura do seu director, o músico, compositor e arranxista Antonio Paz Valverde, e na repercusión que tivo e segue a ter a súa obra dentro e fora do ámbito coral e dentro e fora de Galicia. O traballo complétase  cun extenso catálogo da obra que se coñece do autor e cunha análise do repertorio ao longo dos case 40 anos de existencia ininterrompida deste coro.

Este traballo serviu como base para a conferencia pronunciada nas "VI Xornadas de Historia do Porriño" no pasado decembro de 2009, e para os textos da exposición "Historia da Coral Polifónica do CRC", organizada polo Arquivo Municipal da Imaxe e que se puido contemplar no salón de actos do CRC cara a finais do pasado ano. O carácter didáctico da mostra non permitía reproducir a totalidade do texto. Agora, a través das "publicacións dixitais", temos a oportunidade de coñecer este minucioso e exhaustivo traballo de investigación na súa integridade.

O texto vai acompañado de imaxes históricas da vida do colectivo, así como de partituras, programas de man, correspondencia, documentos hemerográficos, etc. Todos estes documentos (na publicación só se reproduce unha moi pequena parte) foron cedidos por moitos dos compoñentes que pasaron polo coro e polo propio director ao Arquivo Municipal da Imaxe, para salvagardar así esta parte importante do noso patrimonio local.

21/6/10

O Arquivo abre a sección Publicacións Dixitais cunha monografía de Iglesias Veiga sobre as orixes das canteiras do Porriño


A páxina web do Arquivo Municipal da Imaxe pon a disposición dos usuarios a nova sección "Publicacións Dixitais". Nesta sección, publicaranse distintos traballos e monografías promovidos polo Arquivo Municipal da Imaxe e relacionadas coa historia do Porriño. As publicacións contarán con documentación en imaxe procedente dos fondos do Arquivo.

Inauguramos esta sección coa monografía "As canteiras do Porriño nas primeiras décadas do século XX" do historiador José Ramón Iglesias Veiga, un dos mellores coñecedores da historia da nosa contorna e un colaborador infatigable do Arquivo Municipal da Imaxe. Esta publicación recolle e amplía artigos e comentarios aparecidos noutras publicacións de Iglesias Veiga sobre este tema, ofrecéndonos un texto completo e con multitude de referencias documentais sobre o que foi o nacemento dun dos sectores industriais máis importantes para o Porriño e os seus arredores.
Podedes descargar ou consultar este traballo na  nosa páxina web, na área PRESENTACIÓN, sección PUBLICACIÓNS:

José González Araujo publica un libro sobre o granito de Galicia


O pasado 15 de xuño foi presentado no Centro Cultural Municipal o libro "O granito de Galicia e a súa historia". O autor, José González Araujo, director da Asociación de Canteras de Porriño desde 1996 ata 2007, estivo acompañado na presentación do seu libro polo xornalista e responsable do prólogo da obra Gerardo González Martín, o historiador José Ramón Iglesias Veiga e o Alcalde do Porriño Nelson Santos Argibay.
O traballo fai un percorrido pola historia do sector e polos protagonistas da súa evolución, destacando a importancia do Porriño como punto de partida e lugar de referencia dun dos sectores máis relevantes do entramado industrial galego. O traballo de Araujo é o froito de máis dun ano de investigación, recompilando e consultando documentos, artigos de investigación e fotografías sobre o tema. Se a isto lle sumamos a experiencia do autor, que traballou máis de 45 anos nunha das empresas impulsoras do granito galego, o resultado é este fermoso traballo, abordado sempre desde o rigor e o cariño de quen leva toda unha vida adicada ao mundo da pedra.
O libro conta con varias fotografías pertencentes aos fondos do Arquivo Municipal da Imaxe.

O IES "PINO MANSO" publica un traballo sobre os nomes das rúas do Porriño na web do Arquivo

A área de PARTICPA da páxina web do Arquivo da Imaxe conta desde hoxe cun novo traballo publicado. Trátase do Proxecto Interdisciplinar "Os nomes das rúas do Porriño" elaborado por un grupo de tres profesores do IES "PINO MANSO" do Porriño. Os autores: Lourdes Manteiga Gorgal, Mª del Rosario Sorribas Chaves e José Ramón Iglesias Veiga, destacan o carácter didáctico do traballo "concibido como un pequeno monográfico preparado para achegar información sobre as rúas do Porriño a alumnos da ESO". Ademais da difusión deste traballo de investigación dentro do propio centro educativo, o artigo publícase por vez primeira na páxina web do Arquivo da Imaxe, coa intención dos autores de "poñelo ao servizo de calquera porriñés interesado nesta cuestión". O Arquivo Municipal da Imaxe do Concello do Porriño quere agradecer, unha vez máis, ao IES PINO MANSO a súa colaboración e o interese demostrado por este centro nos proxectos do Arquivo da Imaxe. Podedes consultar ou descargar este traballo no apartado de "Documentos enviados" na área de PARTICIPA da nosa páxina web: